Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega organizan campamentos tecnolóxicos en liña nos que poderán participar ata 200 familias de toda Galicia

TechKids 2020

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán -xullo, agosto e setembro- uns campamentos tecnolóxicos sobre deseño de videoxogos, robótica, programación, creación de aplicacións para móbil ou presentación dos traballos escolares. Enmárcanse no programa “TechKids”, actividade do Plan DigiTalent de Amtega destinada a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega, a partir dos 6 anos de idade.

Constrúe na Casa

Esta nova edición do TechKids celébrase en liña co campamento tecnolóxico “Constrúe na Casa”, que engloba cinco actividades a elixir en función da idade dos rapaces. Celebraranse do 30 de xullo ata o 9 de setembro e están dirixidos a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Primaria e Secundaria. O prazo de inscrición, que remata o 27 de xullo as 12.00 horas pódese realizar en https://digitalent.xunta.gal/gl/content/tech-kids-2020 e poderán participar ata 200 familias.

Para participar nestes campamentos non son necesarios coñecementos previos pero si cumprir os requisitos técnicos indicados en cada proposta. Terán preferencia os usuarios das Aulas CeMIT, cun máximo de 20 alumnos por grupo.

Cada familia pode anotarse a cada proxecto e terá a posibilidade de ver o seguimento do mesmo nunha charla (videoconferencia ou telefónica) cun colexiado que os asesorará e titorizará. Os proxectos realizados pódense documentar en vídeo ou fotos e presentalos a un concurso entre todos os participantes.

Cinco proxectos

Os participantes poderán elixir entre os cinco proxectos. Así, poden optar por aprender a deseñar e construír diferentes tipos de xogos de plataformas en 2D e 3D, xogos de rol completos, xogos de avance liñal e xogos baseados na física.

Tamén se poderán aprender os fundamentos da robótica e programación básica con contornas virtuais, o funcionamento básico dun robot e a lóxica computacional.

Outra das opcións é a creación de aplicacións para móbil ou tablet, empregando unha linguaxe de programación visual moi fácil de usar.

Así mesmo, poderase aprender todo o necesario para os traballos de clase dos rapaces, coñecendo os compoñentes dun computador e os seus periféricos, sabendo como crear e organizar os traballos no ordenador e na nube; así como ferramentas para a edición de textos, imaxes, vídeos e presentacións; ademais de obter información da Internet de forma segura e saber como compartir os traballos.

Nas actividades centradas no videoxogo Minecraft, os alumnos desenvolveranse nunha contorna de programación baseada en bloques. Dentro desta plataforma os rapaces tamén poderán crear bloques e texturas personalizadas completamente funcionais dentro do xogo. Desenvolverán así a súa creatividade e aprenderán a cooperar e a traballar en equipo.