Pasar al contenido principal

CPEIG e Amtega fomentarán o interese polas STEM entre a mocidade e ofrecerán formación especializada para profesionais TIC

Tech Kids

A terceira edición do Programa Tech Kids achegará a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos á creación de videoxogos, apps, programación, drons ou robótica

Ata 300 profesionais do ámbito TIC poderán acceder a cursos de especialización semipresenciais e de teleformación

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernández Suárez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación para desenvolver ao longo deste ano, centradas na realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia. 

 

O convenio, enmarcado dentro da Axenda Dixital de Galicia 2020, recolle a realización de actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital de Galicia, a celebración da terceira edición do Programa Tech Kids e xornadas formativas para traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos.

Desafíos científicos para os máis pequenos

Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará en 2020 un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.

A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade, aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación, e participarán en torneos e celebracións en formato deportivo.

Actividades de difusión en temas de investigación, tendencias de mercado e innovación

O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.

As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado e innovación para poñer en valor o papel fundamental das TIC no camiño cara á mellora económica de Galicia. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.